Orgullo lucense 2023

Orgullo lucense 2023

Sinto reiterar pero é que… realmente foi un orgullo poder poñer voz a un manifesto conxunto tan lindo, por riba de todo porque detrás del están as persoas de Avante Lugo, ás que quero e respecto, ás que sinto tamén familia.

Certamente o vídeo non capta os mellores momentos, pero enchemos a praza da Soidade e os nosos berros, aplausos, asubíos e cancións asolagaron a normalidade das marxes orgullosas. Velaquí o manifesto íntegro:

Manifesto Orgullo Lugo 2023

Xuntámonos para celebrar que estamos orgulloses -nas nosas revolucións, quen quere, baila-. Xuntámonos para festexar a nosa historia mais tamén para reivindicar, para reafirmármonos en sociedade, para pular pola igualdade dende a forza da nosa existencia -tan diversa-. 

Erguemos as nosas voces, neste 2023, fronte aos discursos retrógrados que se materializan en violencia -comezando pola institucional- e que non só pretenden para nós un retroceso a nivel lexislativo senon que social, sanitario, económico, laboral, educativo… Un discurso de odio que dirixen especialmente contra es compañeires racializades, discas, prostitutes, es trans, non binaries, es disidentes… Moléstanlles as nosas vidas pero nós non imos deixar de exitsir… nin de resistir. 

Non queremos acadar dereitos parciais… somos persoas enteiras. 

Non imos deixar a ninguén nas marxes… en todo caso, enchemos as marxes coas nosas existencias críticas e orgullosas. Fronte á farsa do ascensor social reivindicamos a desposesión dos privilexios para nos atopar alí onde ningunhe está de máis.

Non esquecemos de onde e de quen vimos. Somos, tamén, o que foron. Somos as loitas das comunidades cuir alén das fronteiras e, se eles agochan as nosas bandeiras… nós seguiremos a tecer cores. Sabemos como se fai. Sabemos de onde vimos. Tecemos redes entre todas e cada unha das persoas que cuestionan -que cuestionamos- as imposicións dende o hexemónico. As imposicións violentas da dereita que, agora mesmo, é toda extrema neste estado. 

Tamén asistimos con preocupación á normalización da transfobia na nosa cidade. Como aconteceu o pasado 19 de novembro coa realizacion dunhas xornadas TERF, celebradas nun espazo público -o vello cárcere, replicando as violencias que un día acolleu-, e sobre as que o concello, malia nosa petición, non deu aínda explicación algunha. Descoidando así aos colectivos LGBTIQ+, sumándose ás acción xa coñecidas de agresión ao tecido asociativo da cidade. As sancións e trabas administrativas non o han parar. 

Isto é parte dese perigo engadido ao que supón per se a extrema dereita… O perigoso das súas ideas, do seu odio, pasando a formar parte do establecido. Do normal. 

Por iso a forza des trans, a forza des non binaries, son a enerxía precisa para os feminismos -os transfeminismos- Para derrubar un sistema de imposición de xénero e privilexios. Precisamos falar de saúde mental, de traballo sexual, edadismo e corporalidades disidentes; de colonialismo e paternalismos. Somos a disidencia colectiva, enfrontamos e acollemos… até que as marxes conquisten o cotián. 

Queremos des-normalizar ser cis, ser hetero. Ser cis e/ou hetero non pode supor máis lexitimidade, máis dereitos, máis vantaxes. Queremos erradicar o medo dunha persoa trans a entrar no sistema de saúde. O medo a camiñar da man. O medo a foder con quen quere foder con nós. O medo a falar abertamente coa familia, no traballo, na reunión de veciñes. 

Queremos erradicar o medo a ler na prensa que mataron a outre por ser coma nós. O medo a sermos autenticamente quen somos…

Fronte aos medos, loita. Fronte ao seu odio, as nosas vidas.

Cada 28 de xuño permítenos voltar a vista atrás -facer memoria- para enfrontar o futuro co recordo de quen hoxe temos ao noso carón. Permite, por riba de todo, festexar e reivindicar onde nos atopamos. Si, ambas as dúas cousas, porque non entendemos de extremos, senón que de equilibrios.

Este día é o cumio do escintilo de todo un ano traballando a prol dos dereitos humanos. En contra das dinámicas institucionalistas e dos tempos que o capitalismo salvaxe tenta impor… 

Porque somos baile, existencia e resistencia, os nosos amores son revolucionarios. Os nosos corpos foron, son e serán… con Orgullo. As nosas vidas fican presentes, visibles e imprescindibles. Non nos esquecemos de ningunhe malia que non es poidamos nomear a todes… porque somos a forza inconmensurable do auténtico.