Alicerces do tempo

Alicerces do tempo

Aquilo que foi acabará por devir nos alicerces do que veña, por máis que neste blog se esvaecera para deixar un espazo físico -alén do que non pode se transformar en cinzas-.

Estes anos pasados serán -son- os cimentos da miña persoa e non me podo sentir máis agradecida á vida, e a quen a viviu a meu carón os derradeiros doce. Recréome na ledicia do amor, do respecto e os coidados mutuos, da reciprocidade que sei fundamento do propio. Agora que o soñado foi vivido e os novos soños van atopando os ocos permeables da pel,  atopo os desexos da incerteza. O que é hoxe da comezo ao que será mañá.

Sempre é unha palabra moi grande que as veces pensamos poder abranguer e da que endexamais temos a certeza do que vai durar. Unha verba que recollo dende o vivido, dende os quilómetros que se amorean nos meus pes coma latexos do corazón. Ca humildade apre(he)ndida a forza de hostias propias e alleas, hoxe só podo dicir que agardo do sempre a capacidade para a evolución. Para a vida máis aló do sabido.

E como a única certeza é a de non tela, sinto cóxegas no corpo todo pensando no que virá. Farei -faranse- novos camiños, novas letras e trazos. Seguirémonos cruzando -todas nós- e desexo que o fagamos vencelladas ao que nos une, un único espazo que é enorme malia non ser nada. Que non arda.

Para quen non deixou de ser unha cativa, abraiada a cada paso, estar a piques de setembro é sentir a fin dun ano. Un comezo no que compartir o previo, no que os proxectos traballados deixen de ser meus e pasen a ser de quen os queira. Desexando presentar(vos) novas viñetas, docus e a novela ‘Estranxeiras’, vou pechando ano e etapa vital. Vémonos polas rúas, atopámonos no mundo!