2 motivos para un poema

2 motivos para un poema

Por unha banda, a guerra.

En febreiro, da realidade das bombas xurdiron estas palabras.

Por outra banda, o día das Letras Galegas.

En maio, a celebración da cultura que me é máis propia lévame a compartilas.

Atopádelas no apartado de LETRAS xunto a outras. Ou aquí abaixo, coma nunha visión.

Febreiro de 2022

O mundo non é unha palabra na boca,
o berro dunha nena amolando a outra,
unha habitación baleira na que o silencio non existe.
Non é unha teoría política.
Nin outra económica.
Nin a asemblea de veciños. E veciñas.
Non é a cantidade.
Tamén, non é a calidade.
Unha película baixo a manta
ou as comidas dos domingos.
Nin trigo, avea, soia, millo.
Ou as ás dunha mosca
arrolando o aire que non é, tampouco,
o mundo que non é o absurdo do dadaísmo
o inconexo dunha danza fragmentada.
Nin o son do teléfono avisando dun novo audio.
Ou un programa de radio.
É unha eclipse,
na que as sombras deixan de existir
e os corpos mudan a pel, brevemente?
Coma un salouco ante a fronteira.
Oculto á vida.