21 Sep Nin abolicionista nin regulacionista NIN…
Alguén tivo a ben editar unha entrada co meu nome na Galipedia/Wikipedia e decátome de que hai información verificada a través dunha entrevista que, malia todo, pode dar pé a engano. Dise ‘(…) ata a defensa dos dereitos LGTBI, pasando por unha postura moi definida arredor da prostitución’. Acontece ca transmisión de información e non ten máis importancia, sen embargo gustaríame puntualizalo e sei que ao ter eliminado as entradas do blog recentemente e non ter redes, este volve ser o xeito máis directo.
Co gallo da presentación de ‘Benvidas ao club’ deixara escrito un texto no que celebraba o traballo feito coas compañeiras abolicionistas da Plataforma Contra a Impunidade da Carioca, ao tempo que suliñaba a miña postura non abolicionista -e non regulacionista, que que teima co binarismo!-. Daquelas fixera fincapé no que nos une, a loita contra a trata de persoas -en concreto contra a trata con fins de explotación sexual-. Hoxe vouno facer noutro aspecto que, creo, cómpre sexa tamén nexo: a realidade poliédrica que habitamos. A diversidade de enunciados posibles, de vidas e circunstancias, de teorías e prácticas. Unha diversidade que, se cadra, pode nos levar á escoita activa dende o respecto, ao debate calmo e á aceptación dese poliedro no que hai moitas caras e todas elas existen por igual.
Persoalmente quédome, neste espazo tempo que habito, cunha proposta -resumida en forma de título- que fai pouco foi compartida nun grupo no que nos vencella a palabra cuir. A devandita proposta di así: Por un abolicionismo consciente e práctico contra todo tipo de proxenetismo. Traballo sexual dende unha perspectiva libertaria. Aínda que, por suposto, encantaríame poder me posicionar, ou ter esta conversa, nun mundo cunha renda básica universal, por exemplo.
Mais quedo, por riba de todo, ca capacidade para a comunicación dende o respecto ás vidas alleas. Ca posibilidade para a edición na Wikipedia. Ca certeza de que a todas as persoas ás que nos interesa ou nos toca este debate, temos máis en común do que se está a deixar ver.
E fago un engadido a día 25 de novembro, empregando parte do manifesto que sae da Marcha Mundial das Mulleres e da Plataforma Feminista Galega: ‘ Condeamos a violencia sexual nun contexto internacional de violencia estrutural exercida contra as mulleres. Sabemos que neste sistema a superación da explotación sexual preséntasenos como algo imposíbel, por iso apostamos por ferramentas que, aínda sendo insuficientes, favorezan a superación da situación de mulleres en situación de prostitución e da trata, reclamando a posibilidade de acceso das persoas prostituídas e as súas crianzas a mecanismos de protección social (vivenda, saúde, escolarización, formación profesional…). A violencia sexual materialízase non só coa explotación sexual per se, senón tamén nas situacións de abuso e agresión sexual á que nos vemos sometidas moitas mulleres, tanto dentro coma fóra dos nosos relacionamentos e que, fai parte da cultura da violación que atravesa as nosas vidas e que nos revitimiza e fainos ser quen temos que xustificar a violencia que exerceron sobre nós.’