Diálogo na horta

Diálogo na horta

Estache ben bonita a horta. Se non fora porque da tanto traballo…
A min traballo non me da.
E logo, que che da?
Dame vida.

Nesta primavera… gardo as imaxes da horta para me recrear no paso do tempo. Cando, ben entrado o vrao, unha festa de follas, flores e froitos invadan o espazo enchéndoo de cores, lembrarei de onde veñen.

Voan, pululan e póusanse nas pólas do abeto que saúda á nogueira. Obsérvanme coller os prismáticos e agardan ao enfoque, aínda que sexan só uns segundos. Agradecida. Aínda que en realidade nin sequera preciso lentes para vervos nos cantos. Erguerme e deitarme con vós.

As primeiras colleitas logo do inverno de berzas, acelgas e rúculas. As sementes xermolan, os talos botan novos brotes e as ensaladas mesturas máis tons. Para as fabas de maio achégase a fin logo de desenvolverse no frío, lémbranllo as flores brancas, como as do peral.

Ca chegada da calor, chegan tamén as sombras verdes, son frescas, non como as das construcións grises que abafan só de velas. Construír sombras verdes vai ser a revolución para as altas temperaturas que está provocando o cambio climático: chámase sementar.

E así, cegada por un día de sol primaveral, mándovos vida desde horta.