Unha lista curta

Unha lista curta

Co gallo da fin do ano desas contas que facemos polo occidente, velaquí unha lista. Non me gusta moito o das listas, o de facelas públicas a lo menos, malia que é ben certo que na miña cabeza a orde mutable de elementos relacionados é un xeito máis de mantelo equilibrio e a memoria. Mais compartir unha lista, co que teñen de temporais para min e co peso con que as reciben moitas persoas, convírtese nun exercicio estrano que deixa de ser equilibrado. Da igual.

Na de hoxe vou tirar pola brevidade, pola boa, sen importar xénero ou estilo literario. Sen importar onde foran lidos ou cando, unha lista das que, obviamente, seguirán a mudar co devagar do tempo. Unha lista na que non hai mellores nin preferencias, só unha lista entendida como acumulación de cousas boas.

Tres lecturas breves para comezar o 2020.

1.- `O derradeiro libro de Emma Olsen´ é a primeira prosa que lle lín a Berta Dávila, da que me chegara antes a poesía, e aínda agora entérome de que hai unha adaptación á banda deseñada! Vivo nun universo de tempos relativos, por sorte con biblioteca a mao… oes, e este título dame como para pensar que tería que facer listas con presenza LGBTIQ, que canto non teremos nós lido e visto de personaxes e autores cishetero e canto rexeitamento se escoita cando se propón presenza diversa, mi madriña!

Un “Carrusel” no punto de mira de Cleo, porque Areta non quixo saír.

2.- Retratos´ é unha recolección deles da man de Truman Capote. Durante os anos da adolescencia, nesta lista tería estadoAlmorzo en Tiffany’s´, non parece que haxa traducción ao galego mais non vou ir ás versións orixinais hoxe. A falta de brevidade non lle permitiría estar aquí a `A sangue frío´, así que para abrir boca na crónica… oes, foi sen querer! Decátome nesta mesma liña de que, novamente, este título dame para pensar *si, volve ao derradeiro parágrafo do número 1 desta lista de 3.

Como vou escribindo sen notas previas e tiña varios títulos pululando pola cabeza, agora mesmo o inconsciente faise consciente e quere levarme a unha terceira obra con presenza cuir, mais non me vou deixar levar polo orballo multicor. Que sexa o que teña que ser, que xa mañá será outra cousa.

3.- `A intelixencia das plantas” de Stefano Mancuso. Vaites! Saiu. Pois miro na rede e non consigo atopar este título. Fai unhas semanas estíveno buscando e tampouco o conseguín atopar na casa, creo que llo deixamos a alguén (se estás lendo esto… devolve o libro!) Así que xa non sei se este é o título ou mo estou inventando, pero tampouco importa demasiado tendo en conta o carácter desta lista e á súa autora. En fin eu sei que cumpría cas dúas únicas características precisas para constar nesta lista (breve): brevidade e interese, neste caso máis que literario, vexetal.

O “Carrusel” de Berta Dávila tamén podería estar, intúo, pero aínda non o lín, témolo na mesa do salón agardando a unha tarde de choiva e vinilos. Xa sabedes onde me atopades nunhas horas.

É unha lista ben bizarra, mais nada mellor para desexarvos feliz ano e boas lecturas!