Como che somos Maripuri!

Como che somos Maripuri!

Nestes días eu son desa parte da poboación que fica na casa. Seguirá sendo así un tempiño pase o que pase porque non traballo na sanidade, na alimentación, na recollida de lixo ou noutros deses sectores imprescindibles para a continuación digna das nosas vidas.

Son das que ten auga potable saíndo pola billa, electricidade, conexión a internet, comida, roupa, unha cociña quentando a casa… unha privilexiada.

E malia ser aínda máis privilexiada que a maioría por vivir rodeada de casas con terreos propios, algunhas con hortas outras con piscinas (haivos de todo e por eso chámoo eu semirural), malia iso aínda vos vexo veciñanza que sae dar longos paseos, con ou sen can, de dous ou de tres, mesmo caras descoñecidas no cotiá destes camiños. “Precisábano” por riba de empatía algunha, por riba da legalidade vixente en estado de alarma. Por riba de todas nós.

Supoño que serán as mesmas persoas que non aprendan nada disto. As mesmas que cando falan por teléfono no paseo din ás interlocutoras “non, aquí non se nota nada”, as mesmas que seguirán a pensar que “se me multan é cousa miña”. Pero por sorte: son as menos. As que soltan bulos daniños son as menos, as que non pensan máis que en si mesmas son as menos, as que promoven a histeria son as menos.

A maioría de nós está a facer o que ten que facer por si e polas demais. Quedar no fogar, asistir a quen o precisa, saír o menos e o máis brevemente posible, a lo menos dar exemplo cando non podemos dar outra cousa. Eu teño cadela pero tamén teño patio e horta na casa polo que non preciso saír, polo que non saio. Son unha privilexiada, son consciente delo e síntome agradecida. Como agradecidas creo que estamos todas ás miles de persoas xerando contidos educativos e humorísticos, compartindo ideas para pasalo tempo o mellor posible, dando folgos ás que os precisan, deixando voar a creatividade e dando renda solta á máis prezada capacidade humana: a de pensar (en colectivo). O certo é que podemos ser xeniais, non só individualmente senon que tamén como sociedade(s). Se cadra saímos desta máis sensibles, máis agradecidas, máis felices, máis empáticas. Se cadra saímos mellores persoas e máis fortes como colectivo e, de seguro, sairemos a un planeta un chisco máis san que, igual, comeza a importarnos por enriba doutras cousas que xa vemos non son tan necesarias como pensabamos.

E falando de pensar… a maioría de nós agora pode facelo tendo en conta outras realidades presentes ao noso arredor dun xeito moito máis directo, máis empático, máis conectado a nós mesmas. Quen di ao noso arredor di tamén nos países en guerra ou nos campos de refuxiadas, porque xa vemos que as fronteiras non existen realmente, que non somos uns versus outros senon un todo(s). E por eso, fóra de horario laboral para non saturar as redes, propóñovos para esta noite un documental: