De paxaros

De paxaros

Fai uns meses que gravo aos paxaros que adoitan saudar desde a matogueira que medra unindo a entrada da casa e a entrada da horta. Son pardais comúns. Agora recoñezo o seu piar, que sempre me fixo cóxegas de felicidade aínda cando era só un son sen dono, un significado sen significante. E aos poucos funme afacendo a pasalo tempo observando. Deixei a cámara para ocasións especiais e paseime aos prismáticos para o día a día.


Agora ás veces debúxoos. Outras obsérvoos. Sempre os escoito, desde o meu ben querido currunho ao que dou en chamar estudio ou nos paseos con Cleo e Areta. Cando estamos na horta acompáñannos e na mesma horta son axuda para mantelos ciclos. Traballamos xuntos, dalgún xeito vivimos xuntos.

Hai quen desde ignorancia dispara a aqueles que considera inimigos das súas froitas, ladróns das súas sementes. A ignorancia xa imos vendo que nos sae cara a todas mais é especialmente perigosa cando impide ver e escoitar máis aló de si mesma. Polo momento nós xa estamos a preparar a terra, rematando os traballos de limpeza e recollida de podas e pensando en todo o que queremos xermolar… para nós mesmas, para os voos doutras. Para que o banquete sexa cousa de todas.