O amigo rato

O amigo rato

Breve prefacio. A fotografía empregada para a permanencia, o escrito, escrito queda. Corpos inertes para o estatismo que da voltas para facerse movemento. Todo é relativo, causal e ás veces casual.

Breve historia. Fai uns meses apareceu. Ocorre de cando en vez, cando a Areta dalle por cazar e compartir. Nunca gustei dos roedores, sígueme pasando cos réptiles, e aínda que xa a vida me ensinara que podía aprender a facelo, non era iso o que pasaba pola miña cabeza cando o ía recoller ca vasoira. Respiraba. Non se movía pero respiraba. Tiña unha ferida na cabeza e o corpo practicamente non reaccionaba. De súpeto eu xa non vía un roedor. Só os dentes pequechos tras do pequeno fociño aberto. Igual que nunca me imaxinara querendo e entendendo a unha gata ou a unha cadela (téñollo que agradecer a Areta e a Neska, que me ensinaron), nin de lonxe o fixera acariñando a un coma el. Malia todo durante tres horas vinme cun rato amigo. Ata que a morte inmortalizouse. E aquí, para sempre, o meu primeiro amigo rato. Tal como o vin no momento en que deixou de ser algo simplemente porque eu deixei de miralo dese xeito. A cuántica da aprendizaxe. A fotografía da cuántica. A morte fotografada.

Pasade un bo día de Samaín, Halloween ou tralalín tralalín. Un bo día para pensar no que aprendimos das persoas que xa non están.