carmenPGgranxeiro > Blog > Unha nena pequena

Unha nena pequena

6/02/2017

Levo xa unhas semanas, e quedan algunhas outras por diante, en que, a media xornada, traballo nunha casa con dúas persoas de curta idade a meu redor. No meu caso é un luxo que permite compaxinar os tempos de creación e vida co aliciente das inquedanzas propias da cativada. É deste xeito que cada día son consciente, de maneira empírica, do mundo propio que tanto me achega aos mundos de quen mesturan soños e materias físicas para construír as súas realidades.

Así me vexo. Non, así me sinto. Síntome unha nena pequena á que non se lle pode impor o mundo “adulto”, que se sorprende coma se todo ocurrise por primeira vez, que soña en alto porque se cre capaz de derribar muros, a nena, eu, emocíonase cando eses muros caen porque moitas persoas os soñaron no chan, ruínas que existen só para lembrármonos que non o deberían ter feito. Síntome lonxe da tolemia xeralizada en que as cousas se rixen por sen sentidos. Síntome moi preto de quen está lonxe, moi pequena na grandeza dun mundo fermoso que desfruto explorando.

Como_unha_nena.jpg

Sento á mesa do meu despacho sentíndome unha nena pequena incapaz de abranguer case nada, pero que sempre é quen de chegar ao que precisa: de amar o que fai e facer o que ama. Unha nena afortunada nun mundo no que moitas outras morren de frío. Unha nena que estes meses anda entre charlas nos coles, deseños propios e tamén debuxos alleos, mesturas vívidas.

2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos