carmenPGgranxeiro > Blog > Turismo, ferramentas coma Airbnb e xeitos de darlles uso.

Turismo, ferramentas coma Airbnb e xeitos de darlles uso.

28/01/2016

Na imaxe de abaixo somos sete persoas e máis eu. A nosa relación ca cidade, neste caso Lisboa,  é, alomenos no momento da toma, a mesma. Somos turistas, visitantes, vagamos polas rúas cas miradas atentas, activamente investigando os nosos arredores. E en certos espazos nos percatamos da nosa existencia con asombro, quen habita as cidades, quen as vive no cotiá enriquencéndoas coa súa presenza… non está.

Turismo_ferramentas_coma_Airbnb_1.jpg

O fenómeno da xentrificación turística (tamén a hai de clase, económica, eso dos barrios que se poñen de moda logo de ser revividos por migrantes, artistas, movementos cidadás…) xa non é algo novo. Agora, antes de viaxar, reservamos casa. Podería estar moi ben, está moi ben cando somos quen viaxan, pero o certo é que a humanidade, inmensa nun sistema económico ben coñecido, o capitalismo, é quen de facer mal uso de ferramentas que poderían ser positivas.

Podería tratar a cousa sobre alugar habitacións baleiras das nosas casas, as casas mesmas cando quedan baleiras por periodos curtos de tempo, podería tratar sobre ofrecer aloxamento a persoas que o precisan en momentos concretos das súas vidas, sobre trocar solucións a necesidades puntuais… podería. Sen embargo ferramentas coma Airbnb deveñen en xentrificación, na agresión ás veciñas dos barrios que ven como as súas rúas perden habitantes, a cultura propia, o latexo que fai posible a vida… ferramentas para persoas que buscan o negocio ocupando pisos que non van ocupar.

Traballei limpando pisos que se alugaban deste xeito. Aluguei casas para viaxes, tamén. E agora me atopo con amizades que claman nas redes sociais contra a invasión dos seus barrios, fenómeno que aparece en series como “Shameless”, xentes ás que se lle suben os alugueres escandalosamente con vontade de que os deixen e barrios nos que xa non hai vida máis aló da turística.

Os pisos agardan baleiros á seguinte remesa de habitantes efímeros, que non organizamos festas no barrio nin coñecemos á señora da mercería da esquina, que non levamos a ninguén ao colexio da rúa de abaixo nin nos preocupamos de que este funcione ben, que descoñecemos os plans de ordenanza e se son respectados ou eles mesmos respectusos, que non sabemos se hai centro de saúde nin se funciona ben ou mal. As casas alugadas acollen a seres que non teñen capacidade, nin probablemente especial interese, en coñecer o seu funcionamento interno, en melloralo ou defendelo.

É normal que as veciñas que fican estean fartas e, claro, claman ao ceo e nos mandan a… Fickt eusch allee.

Turismo_ferramentas_coma_Airbnb_2.jpg

Mais non todas van ser queixas. As habitantes deste planeta implementamos novas ferramentas fronte ás mal empregregadas. E quedar queda aprendido que hai vontade dunha forma habitacional diferente en canto a turistas, é tempo de novos negocios que satisfagan esas necesidades. Hai outras opcións paralelas ás dos establecementos hoteleiros (que tampouco é que sexan anxos nesto da xentrificación, a pesares de que a súa estea máis asimilada na historia recente) e outras irán xurdindo. Viaxar é, en grande medida, misturarse en situacións sociais e culturais diferentes, a fantasía de que unha casa nos fai máis partícipes da realidade na que está edificada é iso, unha fantasía. Fronte a ela... turismo sostible, turismo socialmente activo, pequenos negocios para soster pequenas economías, espazos compartidos, trocos de coñecementos e tempos, e todo o que atopemos de persoa a persoa sen ánimo de lucro e con vontade de supervivencia económica e festexo vital. Para que viaxar sexa compatible ca vida propia e cas vidas alleas.

2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos