carmenPGgranxeiro > Blog > Son desa xeración

Son desa xeración

25/12/2017

Son desa xeración que se fai maior ca crise, rematei os meus primeiros estudos como adulta no 2007, estando en Barcelona, e a partires dese momento comecei a traballar (no sector servizos con contratos precarios e no mundo do cine e da cultura moitas veces sen cobrar sequera). Emigrei, coma tantas outras persoas, pero non cheguei a Berlín ca intención de ficar senón ca de comezar, formarme como persoa e como profesional. Sacalas castañas do lume é unha especialidade que non computa pero que fai medrar. En Nova Orleáns continuei a experimentar colectivamente na vía da cultura independente e, xa vivindo preto de Lisboa, as inquedanzas culturais espállanse ata se mesturar co máis sociopolítico. A fin de semana que marcaría a acepción do 15-M collín o coche ca miña moza (colleuno ela, que é máis lanzada e que, xa agora, é a “miña" muller) e logo duns centos de kilómetros plantámonos en Sol... e resultou ser unha semente. Voltamos a Galiza nun momento en que a meirande parte da xente saía. Voltamos ca convicción de que unha terra precisa de persoas que a traballen, literalmente tamén, temos unha horta fermosa.


Fai 5 anos que estou establecida en Lugo, (sobre)vivindo como autónoma e desfrutando dos meus traballos e da miña vida como cidadá comprometida ca economía social, co rural e con diversos movementos veciñais. Aínda hai días en que o gris do ceo (o metafórico, porque a chuvia me encanta) faime pensar en coller de novo as maletas, neses momentos os países polos que fun viaxando, soa e acompañada, materialízanse nos soños como se fosen o que non son… un lugar de traballo digno, vida tranquila e burbulleante, contorna sostible, cultura accesible a esgallo, política feita para o ben común… Entón activo as pálpebras e a luz lémbrame que é o que acontece arredor do mundo. Deixo as queixas, collo o bus e plántome no primeiro traballo precario que atopo para poder seguir facendo o que me gusta. Aspiro aire fresco, boto as penas pra fóra e recréome na miña vida sinxela e apaixoante, chea de amor, e as trabas económicas fanse menos porque están cargadas de dignidade perso-profesional. Aínda non me venceu a realidade que algunha xente nos dispara, un ano máis vou sendo quen de construíla miña propia e… ben, agradecida por podela compartir con vós, só me queda desexarnos a todas un novo ano de aventuras vitais en positivo, de amor fronte os obstáculos e de felicidade compartida.

Grazas por estarvos aí !!

 

Son-desa-xeracin.jpg

2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos