carmenPGgranxeiro > Blog > Sementar, sementarei.

Sementar, sementarei.

7/10/2015

Pregúntome se agora que na prensa, a partires da apertura da “Bóveda Global de Sementes de Svalbard” (esto das guerras é peor que os desastres naturais),  e vendo que parece tan “actual” o tema das sementes, os centros e piares educativos farán unha recapitulación nos índices temáticos dos seus prezados libros de texto (recapitulemos nós sobre quen controla este negocio e saquemos conclusións: http://carmenpggranxeiro.com/creaciones/o-conto-el-cuento-the-tale.html)

Paréceme incríbel que a estas alturas da “civilización” aprendamos no colexio o que é un crédito e non como conservar adecuadamente unha semente… cando todas sabemos que os cartos non se comen. Lembro agora unha charla de José Esquinas, enxeñeiro da Universidade de Córdoba e membro durante 30 anos do Consello da FAO, nas xornadas agroecolóxicas de Piñel de Abajo, na que expoñía varios casos históricamente recoñecidos nos que os países “pobres” salvaron aos países “ricos” de pestes que afectaban á cadea alimentaria, ca única arma das sementes, da biodiversidade. Casos como o do fungo das patacas en Irlanda no 1850 ou o doutro fungo que matou tódolos maizais de EEUU en 1970 e fronte ao que só unha semente africana opuxo resistencia resolvendo o problema na seguinte colleita. Entrementres por aquí seguimos ensinando o que é un crédito, mais non de onde veñen os cartos e que sistema distributivo seguen.

En fin, vou ao tema. É época de estar conservando sementes, para o cultivo propio ou para mandar a algún dos bancos de germoplasma, quen sabe quen me le esto. Teñamos en conta que, segundo a FAO; o 80% dos alimentos inxeridos por humáns proveñen da agricultura familiar (as inxenuas persoas que sigan a defender o cultivo transxénico para “alimentar ao mundo”, que paren xa, por favor) e que ademais producimos no mundo para un 60% máis das persoas que agora o conformamos (así de claro deixan os datos que o da fame é un problema de vontade, de distribución, e non de falta de alimentos)

Sementar, sementaremos, pero antes recolección de sementes, preparación para a conservación, intercambios de diversidades e apoio á loita campesiña, no Perú, en Angola ou en EEUU. Igual así, deixamos de confundir “desenvolvemento” con crecemento económico.

Tempo_de_sementes.jpg

Na casa xa temos tres novos tomates para probar na horta do próximo verán, tres cores diferentes en maduración e tres explosións de sabor na boca, tres cores que alegran calquera mañá. As sementes veñen do intercambio desas xornadas de Piñel, un dos pobos da miña moza, e xa ela as está a preparar para a conservación e para unha óptima colleita que non traia consigo posibles problemas que tivera a planta de orixe.

Ademais do intercamio, en Piñel, tamén fixemos unha cata duns 40 tipos de tomates das máis de 200 especies que había en exposición... a explosión de sabor non está dispoñible en ningunha grande cadea de alimentación, non digo máis. Tede boas colleitas !! E compartide boas sementes !!

Sementar_sementarei_carmenpggranxeiro.com.jpg

2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos