carmenPGgranxeiro > Blog > Oda (en prosa) ao envoltorio.

Oda (en prosa) ao envoltorio.

9/01/2015

Ocorre que, ás veces, as persoas máxicas de Oriente que percorren o mundo deixando agasallos, precisan de axuda.

Aconteceume este ano por primeira vez na vida. Eu xa enviara a miña carta das "r´s" ("pido" reciclado, reutilizado e con vontade de reducción, para min e para aquelas persoas as que lles deixan algo na miña casa) e falara co meu primo (a razón de ser da maxia) sobre cousas de reinados e repúblicas. Estaba todo listo para un ano máis de tirarlle os envoltorios aos agasallos.

Mais o día 5 aconteceu o impensable. Pasei a mañá traballando no teórico dun novo proxecto, fun á biblioteca a facelas cousiñas que precisan de conexión a internet, fixen algunha visita, algún recado e voltei á casa. Eran sobre as 7 cando, paseando a Cléo, botei unha ollada curiosa ao montón de caixas que había no caldeiro do lixo que hai preto da miña casa. Entre os refugallos de cartón sobresaía un sobre pechado, moi grande e co meu nome !! Non o podía crer, o meu nome nun sobre no lixo !!

A emoción expandiuse coma se un raio cósmico fose, cando collín o sobre notei de súpeto a maxia inexplicable do invisible. As letras estaban claramente dirixidas a min e á miña moza, así que voltei correndo a casa para lela con ela. As persoas máxicas de Oriente pedíannos un favor que era, ao mesmo tempo, un agasallo.

Mans á obra. Temos que facer un envoltorio para os agasallos do meu primo. Un envoltorio para o cal nos deixan un pequeno plano. Precisamos voltar ao lixo e recoller unha das caixas que, atención, tiña dentro un tubo-cheminea. A tarefa vai ser longa porque o plano ten o seu punto de intrincado e o tempo corre. Música, fume máxico, por sorte temos unha casa ben preparada con ceras de cores, cordón, cúter e tesoiras, cola e pincel.

Que ben que saín a pasear a Cléo, que ben que sempre boto unha ollada ao lixo !! Que ben que hai momentos non agardados nas axendas !!

 

IMG_0274.jpg

2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos