carmenPGgranxeiro > Blog > Obradoiros que foron

Obradoiros que foron

15/04/2019

Reivindicar o traballo dos coidados como parte fundamental de nós mesmas e das nosas sociedades, como base da evolución humana e fundamento da antropoloxía, non exime de facelo desde unha perspectiva non feminizadora. Os coidados son cousa de todas, persoas, de mulleres, de homes e de quen non se sinten identificadas dentro do binarismo imposto. Coidarnos é un valor de cohesión, de riqueza e evolución, como o é a creación artística. Non falo aquí de arte porque este termo como tal ten implicacións mercantilizadoras que nada aportan (máis ben ao contrario) a esta reflexión.

Reflexión que tivo lugar nun espazo-tempo real, entendendo por real o compartido, grazas a un traballo para o que confían en min desde o ámbito das ONG. Un encontro que xirou arredor da arte ao longo de cinco sesións nas que exploramos as perspectivas históricas dos coidados e a súa importancia na nosa Historia, nas que nos recoñecimos noutras dende as experiencias alleas plasmadas en creacións artísticas, nas que plasmamos colectiva e individualmente as nosas inquedanzas, desexos e necesidades, nas que nos pensamos na nosa contorna e no medio natural que nos provee para a vida.

E resultou ser que, en pouco tempo, como sempre a capacidade da expresión artística para nos coidar estoupoume na cara en forma de notas musicais. Desta volta  foron as cancións que as asistentes escolleron para compartir co grupo, nunha das actividades da última sesión, outras veces na miña vida teñen sido os debuxos que se comparten con quen non hai lingua oral ou escrita en común e noutras foron as imaxes dunha cámara de fotos dixital e as interpretacións espontáneas diante da lente. Estóupanme as cores da comunicación e da empatía na cara, da arte que non sabe de puxas, das linguaxes comúns que non sempre se sustentan en palabras pero que nomeamos para non esquecer nunca.

Agradecida por esta experiencia e feliz por térmonos compartido xuntas dende CoidArte, que así se chamaron estes obradoiros, emprendo novos camiños nos que xa sempre este será parte dos pasos.

blog.jpg

Este foi un proxecto a medida pero tamén podedes botar un ollo ás charlas interactivas para centros educativos: http://carmenpggranxeiro.com/docencia.html

2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos