carmenPGgranxeiro > Blog > O número tampouco importa

O número tampouco importa

27/10/2014

Non_importa_o_nmero.jpgEu sempre fun de crear. A cativada faino constantemente, crea realidades, voa entre tempos e esquece as tolerías dos adultos que falan de mentiras e verdades, de horas. Pode que eu nunca deixara de ser unha cativa. Os teatros, a maxia ou a ventriloquia foron os primeiros eidos nos que meu irmao e máis eu nos perdemos. Xa daquelas me aguantaba pacientemente as indicacións, como as aguantou despois, cando a videocámara chegou á familia e ficaron para a memoria as súas dotes de actor precoz, que con dez anos recitaba longos paragrafos de Capote interpretando a un alcólico de baixa estatura, case en plano secuencia, no medio da rúa, fronte á casa, de noite.

Fixemos curtas, galas televisivas e sketches. O máis importante de todo é que os fixemos xuntos, aínda que deso me dea conta agora, e que o pasamos moi ben, aprendendo, experimentando... creando, sempre fumos de crear. O público das pezas era habitualmente o mesmo, pero variado, porque na familia sempre nos empurraron cara adiante e estivera quen estivera preto... sentaba na butaca. Algunhas veces cobrabamos entrada e outras non, máis ou menos o que agora fago. Algunhas veces a cousa estaba ben ensaiada e outras se baseaba na improvisación, máis ou menos, si... a cousa non cambiou moito. Non importa o tamaño da pantalla, o número de butacas do auditorio ou canto custan as entradas. Ó fin e ó cabo, non son bombas de racimo, estafas bancarias, mentiras electorais ou corrupción institucionalizada.

Fumos quen de ser o que quixemos, deixáronnos, e agora de vez en cando compartimos as creacións co mundo... ese é todo o dano que imos facer... e só a quen o quera sufrir, porque non importa o número, importa o desfrute e a expresión.

2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos