carmenPGgranxeiro > Blog > Libretas, bosquexos, metáforas, museos e o Museo Provincial de Lugo.

Libretas, bosquexos, metáforas, museos e o Museo Provincial de Lugo.

14/07/2014

Levo a miña libreta sempre, na vida. Gústame tomar notas na charla do bar, facer garabatos sentada na herba dalgún festival de verán, aillarme nunha tarde de barullo co meu lapis. Levo a miña libreta e nunca ninguén nada me dixo.

Minto. A primeira vez foi no Museo Provincial de Lugo, a primeira e as seguintes, as únicas. Nunca antes me tiveran prohibido entrar nun museo cunha LIBRETA. A razón é que o que está prohibido é facer BOSQUEXOS das obras expostas e as follas da libreta son, sen dúbida, parte fundamental do proceso. Foi así como finalmente puiden entrar ca libreta e o lapis, prometendo non facer ningún bosquexo. É así como entro habitualmente, prometendo, porque claro, non poden prohibir as libretas.

O caso é que cada vez que vou a este museo, algo que fago bastante a miúdo, atópome literalmente soa. Ninguén con libretas ou sen elas, ninguén con móbiles (que lembremos teñen aplicacións para debuxar e ademais cámaras de fotos), ninguén desfrutando dunha charla fronte a unha obra, nada de cativada rindo tras dos proxenitores... ninguén e nada.

Malia todo... séguense a construir museos, non só en Lugo, no mundo. Os museos baleiros son unha das grandes aportacións das nosas sociedades á cultura e á educación. Son realmente unha metáfora. Grandes e brillantes por fóra, tristes e baleiros por dentro.

Pero hai grandes museos, públicos e privados, nun mundo que vive un dos momentos creativos máis diversos, amplos e inabarcables da súa historia. As novas tecnoloxías achegaron a tódolos públicos a posibilidade da creación e, aínda máis importante, a posibilidade de compartir esas creacións dun xeito aberto e público (sen precisar de museos). Unhas datas atrás estiven, aproveitando unha viaxe, en varios museos de varias  características, privados e públicos. Entrei con LIBRETA e, o máis importante, vin a moita xente facendo bosquexos. En todos eles puiden ademais facer fotografías (ca excepción dunha das salas dun dos museos, na que se exhibía fotografía recente do grupo turco Nar Photos)

O ministerio de cultura francés ven de permitir explicitamente facer fotografías en tódolos seus museos, o Espacio Fundación Telefónica congratúlase na súa web polas fotos compartidas nas redes sociais dos seus visitantes e Chris Dercon, un dos máis importantes directores de museo do mundo e actualmente ao fronte da Tate Modern de Londrés, afirmaba fai pouco que "o museo é efectivo se é afectivo". Pero en Lugo cando entras cunha libreta e un lapis, o primeiro que atopas é unha advertencia.

Para ilustrar esta entrada do blogue ía escoller unha desas fotos que me fago nos museos como formando parte da obra ou reflexada nalgures... pero escollín unha desta viaxe, no Thyssen... eu quero ser esa cativa, quero ver a xente desfrutando das obras, vivíndoas un chisco... quero ver a moita rapazada pintando no museo de Lugo, a mona ou a obra de Castelao (que non se preocupen, non se vai vender nos peldaños do museo aos turistas que rodean a praza)

Neste caso a cativa era a filla dunha muller italiana que paseaba entre as obras e aos poucos botaba unha ollada á propia obra da cativa, inspirada/bosquexada/copiada da orixinal de Georgia O´Keefe.

 

09_19.jpg

 

 

 

 

2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos