carmenPGgranxeiro > Blog > En serio en serie? A miña casa non

En serio en serie? A miña casa non

8/12/2014

Quedaron sen exclusiva. Adiántome ás ofertas millonarias e abro algún pequeno rincón da miña casa, deses que fan que esta o sexa, á cámara. Non é por exhibicionismo ou vontade de reseñas no ámbito da decoración, máis ben quizáis ao contrario. Explícome.

 Hai dúas cuestións que dende sempre me producen especial curiosidade nas persoas, independentemente de quen sexan ou de que as coñeza. O(s) traballo(s) que desempeñan para gañar os cartos suficientes para levar a cabo a súa vida nesta sociedade e a casa na que viven. Estas dúas preguntas respostan en grande medida á curiosidade que teño por descifrar ás persoas. O de "dime con quién andas y te diré quién eres" nunca me convenceu moito, sen embargo o de onde vives, si. O do traballo leva a curiosidade por outro camiño, diferente ao de descifrar ás persoas e máis orientado a descifrar realidades, pero esto xa queda para outra entrada do blogue.

DSC_0063.JPG

 O espazo define en grande parte ás persoas que o constrúen, ás que o habitan. Para "ben" ou para "mal". En xeral hoxe en día hai de seguro moitas persoas que escollen un cubículo de IKEA e o trasladan ós seus puntos xeográficos, incluíndo marcos (as fotos dos marcos), cores de parede, lámpadas ou mantas. En serio en serie? Si, tal e como nos queren aos seres humanos, seriados e controlados, iguais e alonxados de personalidades. Atopámonos así en casas esteticamente adecuadas para a vida moderna, cómodas de ver e de limpar, perfectamente estructuradas e que aproveitan ben o espazo... casas baleiras de personalidade, casas de xente baleira?

 DSC_0069.JPG DSC_0045.JPG

Eu persoalmente aposto pola identificación cas cousas que nos rodean, polo único e polo emprego propio daquelo que é seriado e de por si non ten contido. Gústame a manta que me fixo a miña madriña, aínda que a cor non sexa perfecta para o sillón de raíña que xa me acompañou parte da infancia, gústanme as obras que me regalan as amizades creativas e nas paredes penduran xunto a elas anacos doutros momentos compartidos, gústame compartir esa construcción constante do meu fogar... somos dúas e o karma de ambas está presente i é eso o que fai que a casa sexa nosa, por moito que paguemos un aluguer. Escollo o cadro que pintou a miña abuela por riba doutras láminas, porque ten algo que non se pode explicar pero que o explica todo. Escollo o moble que xa rulou por varias casas de amizades porque pode non ser perfecto para a revista de decoración pero é Perfecto e o podo pintar cando me peta. Quédome cas cousas que din algo. Co grabado que me regalaron miña nai e meu pai polo meu 18 aniversario. Ca fotografía desa artista que quedou cun pouco do meu peto. Ca parede do baño en que Amaia empastou dous buratos nos que eu pintei dúas nubes.

 DSC_0037.JPG DSC_0027.JPG

E así, cos pequenos detalles, álzase un espazo no que ser. E son, e somos, e compartimos esas esencias propias cas alleas que nos visitan. E traballamos, e vivimos, dous verbos que para min son perfectos cando se desfrutan unidos, dous verbos que uno dende sempre pero nunca mellor que agora, neste fogar no que teño o meu despacho de poucos metros cadrados nos que cabe parte importante da  miña vida e dende o que vos escribo hoxe.

webdes.jpg

 

 

2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos