carmenPGgranxeiro > Blog > En Marea.

En Marea.

19/11/2015

Chámome Carmen, son unha cidadá que se adica á creación, como autónoma, e á supervivencia, como traballadora da clase obreira, e que ven de participar na medida do posible e de xeito activo no tecido social da cidade… e dalgún xeito do mundo, porque creo firmemente que desde o pequeno e cotiá se pode mudar o máis grande e lograr o extraordinario.

Creo no poder da xente, da unión, poder secuestrado polas institucións, agora mesmo mal chamadas democráticas, e creo que ese poder popular precisa polo tanto de novas ferramentas, de revisións de pensadoras e teorías diversas das que tomalas, das que tomar ideas cas que renovar todo un sistema político e económico, que debería de ser sempre mutable, evolutivo, acompañarnos nos nosos camiños e non coartar a nosa evolución como pobo, como sociedade, como mundo. Falo de mundo porque evidentemente o que aquí facemos afecta á India, por poñer un exemplo, e pensando en Amancio Ortega. Ou á cidadanía francesa, siria, iraní, kurda… pensando en Aznar e por poñer outro exemplo.

Creo no Ben Común e non, non creo que o Senado sexa a día de hoxe unha desas ferramentas úteis para ese ben común, pero, a pesares de que poda parecer incoherente que figure nestas listas dun sistema no que non creo, para unha institución que non respecto, a miña decisión atende á fartura de presenciar cada día a deshonestidade das persoas e dos partidos que maioritariamente din facer algo que non fan… representar os intereses reais do pobo, da xente. Por eso agradezo tamén a proposta aos grupos de En Marea, cos que teño afinidades moi grandes e tamén discrepancias, por apostar por xente allea ao funcionamento deles mesmos e abrir así pequenos camiños na procura de novas formas. Por eso me presento como independente.

Agora ben, que eu teña tomado esta decisión, a de optar a empregar unha ferramenta que está a ser tan mal empregada institucionalmente, non quere dicir que vaia deixar de loitar e reivindicar  aquelas que creo precisamos como seres evolutivos nun planeta finito. Son demócrata, son republicana, son un chisco anarquista, un chisco nacionalista, gústanme algúns puntos das teorías comunistas, encántame o sistema da economía do ben común, e non, non encerra esto ningunnha incoherencia. Creo que deberiamos de ser quen de aprender de calquera eido, de respectar diversos xeitos de entender a realidade e de afrontalos retos que nela vivimos, de tomar as cousas que nos unen, que nos favorecen a todas, sen nos encerrar nun só e único sistema que se convirta nunha cadea da que teñamos medo saír.

De calquera xeito son consciente de que as incoherencias forman parte da realidade e o meu único obxectivo hoxe era presentarme formalmente facéndovos partícipes delas. Son unha persoa, cas miñas debilidades, os meus medos, erros… pero son unha persoa consciente deles e que procura a coherencia ética e moral nos seus actos. Non son perfecta nin teño vontade de selo, pero son honesta. E sinto unha responsabilidade moi grande cando tomo decisións coma esta, e sinto que En Marea é un dos camiños que debemos percorrer, consciente de que nin é o único nin o definitivo, pero sí outro paso máis de cara a, alomenos, retomar o noso poder como pobo dentro das institucións democráticas.

En_Marea.jpg

2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos