carmenPGgranxeiro > Blog > De mans e petos

De mans e petos

10/01/2017

Ás veces a falta de cartos trae consigo unha riqueza maior da que cabería agardar, acontece con moitas cousas, iso sí, sempre e cando as necesidades básicas (que chamamos “dereitos” a pesares de non seren efectivos para unha porcentaxe enorme da poboación mundial) estean cubertas. Unha vez aclarado este punto e pensando nos milleiros de persoas que este nadal atoparon a morte moi preto de nós, en mares e campos, cómpre que vos transmita a miña preferencia por unha árbore baleira de agasallos fronte a unha chea de produtos que, finalmente, son causa directa desas mortes e doutras miserias.

Agora sí, tamén son partidaria de atopar xeitos diferentes de facer fronte a estes tristérrimos feitos que acontecen no noso día a día. Pódese e débese, ao fin e ao cabo, consumir menos e vivir mellor.

O meu peto non ten buratos, porque llos coso, pero está bastante baleiro, aínda así na casa nolo repetimos moito: que ricas somos! Necesidades básicas cubertas e ben cubertas, vivimos ben, moi ben. Sabedoras deso e de que o consumo inconsciente axuda a construír un mundo que non nos gusta, escollemos aportar ás árbores de nadal dende a perspectiva da consciencia.


Así comezou este nadal, entre elementos varios, ferramentas, tempo de irmáns para construírmonos xuntos novas realidades, tempo de fogar-fábrica. Pasaron polas nosas mans cables, desparafusadores, lámpadas e papel silueteado, lás, cola, pinturas de todo tipo, terra e plantas, vídeo de familia, compilacións de música, infusións da horta… unha morea de cousas pensadas e feitas con amor. A que se entregou no derradeiro lugar foi especialmente emocionante, un xogo de pistas cheo de maxia que arrastrou tralos pasos do máis pequeno a toda a familia, por toda a casa, superando probas, adiviñando, interaccionando cun vídeo… Creo que é posible encher árbores e ilusións sen recorrer a produtos cuxa fabricación é unha das causas diretas de que haxa tantas árbores baleiras no mundo (que ilóxico, verdade?, encher unha árbore baleirando outra)

É por iso que, a pesares do esforzo, das présas, das noites en vela… gustei tanto, outra vez, destas datas. Desfrutei do pracer de crear cas mans e ca imaxinación, de pasar tempo construíndo ca xente á que máis quero, de velas alegrías de quen recibe sabéndose obxecto de tanto amor. Creo que paga a pena loitar contra árbores baleiras (as que están cheas de agasallos que destrúen e as que non teñen nada baixo as pólas), aínda que eso mellor o dirán as persoas que recibiron eses agasallos… e dixérono, e eu o digo, que tamén fun obxecto de tanto amor, de tempo, de reciclaxes, de cariños en formas materiais. Un mes máis, co peto baleiro… sei que son moi rica.

 

De-mans-e-petos.jpg

2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos