carmenPGgranxeiro > Blog > Cómpre revisalo noso diccionario íntimo.

Cómpre revisalo noso diccionario íntimo.

17/03/2015

Utopía, “que é moi improbable que suceda ou que no momento da súa formulación é irrealizable”.

O caso é que vivimos nun mundo no que este método, o das probabilidades, non tería dado un peso pola nosa existencia a estas alturas e neste plantea, sen embargo aquí estamos. A maior utopía é a nosa propia existencia. Partindo desta base científica cómpre quizáis revisar este termo e o emprego que facemos del no cotiá… o utópico.

O outro día, nunha conversa sobre a triste realidade dun novo centro comercial en Lugo e o patético pero moi rentable xeito de recoller curriculums por parte desta empresa, saiu o termo a colación. Temos ben aprendido, porque ben nolo ensinaron, que cousas como unha sociedade do século XXI sen grandes superficies comerciais é unha “utopía”. Nembargantes parece ser que a nosa propia e utópica existencia nos leva unha e outra vez a rachar as probabilidades e mais a esquecer as imposibilidades. Somos máis do que algúns nos fan ver.

Lembro moitas conversas naqueles meses posteriores a ese Maio que, para min, será sempre cita dun aniversario o día 15, nas que daquela nos dicían que era utópico moito do que hoxe é realidade e do que nun futuro próximo faremos palpable. A historia da humanidade é unha cadea longuísima de cousas imposibles que se materializaron e, aínda así, moitas veces non somos quen de ver que, cousas tan sinxelas a pesares de difíciles como unha cidade sen centros comerciais, non é que non sexan utopía senon que xa son realidades (hai aínda cidades que se resisten á chegada destas moles de cemento, hainas) Na deriva da conversa a partires da foto publicada en diversos medios galegos, a da cola de currículums, xurdiu tamén o tema do cines. 

Lugo chegou a ter no seu momento máis de sete salas de exhibición cinematográfica, das que eu lembro (sonvos nova demáis para ter en mente moitas delas pero vos recomendo o libro “Cine en Lugo. 1897-1977” de Fernando Arribas) lle teño especial cariño aos Dumas porque ao sair do colexio e por un prezo ben xusto podía escoller entre as súas tres películas non demasiado comerciais e tirar a tarde nesas butacas, vin grandes películas alí. O caso é que tamén se considera utópico que, a día de hoxe, as pequenas salas, as salas independientes ou simplemente os negocios de exhibición cinematográfica ao marxe das grandes cadeas, poidan existir nas nosas cidades. Échevos ben triste. Pero de novo, rompendo cos tópicos facemos da “utopía” realidade. Quizáis teñamos que revisalas acepcións do noso diccionario interno, reconfigurar o emprego de certas palabras e deixar de nos impoñer límites que, tal e como vemos, non existen. A cooperativa NUMAX en Santiago ven de facer polvo eses prexuízos que, sen nos sabelo, nos van metendo tan adentro que acabamos por crer.

E aínda por  riba, para que en futuras conversas nos replantexemos o emprego da “utopía”, esta nova cooperativa que nace en Santiago e inaugura un cine de verdade (non desas cousas de plástico que están incrustadas nos tamén plasticosos centros comerciais) faino da mao de socias cooperativistas que contaron co apoio económico de 182 avalistas… é dicir, sen macroempresas que vaian dirixir a programación da sala, apostando por unha economía social e pola exhibición de cinema de calidade alonxado das imposicións industriais de Hollywood. 

Non precisamos centros comerciais cas súas multisalas, cas súas cadeas de restaurantes, tendas de roupa feita por esclavos, salarios degradantes e luces artificiais, hai vida aínda que nos vendan que é utopía. E senon que llo digan a estas xentes cooperativistas que recibiron a visita do grandérrimo Aki Kaurismäki con cuxa película “Nubes pasajeras” daban un pase pechado para tódalas persoas que tiveran apoiado o proxecto utópico que fixeron realidade.

É súper emocionante ver/ler cousas coma esta e, ademais de ser tamén moi gratificante, é un grao de area máis para ratificar que “a utopía é o principio de toda mellora e o deseño dun futuro mellor”, frase de Anatole France que considero moito máis axeitada que ningunha definición de diccionario e moito máis realista (demostrablemente) que ningunha das barreiras que nos debuxan. Deixemos de proxectar medos e imposibilidades, comecemos a desmontalos.

A próxima visita a Santiago será para ir ao cine. 

Erste_Mai_55WEB.jpg

2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos