26X

27/06/2016

E o tempo, que non deixamos de sentir lineal, soprou forte e fixo pechalos ollos. As pálpebras pechadas agochaban escuridade, nembargantes o líquido acumulado esbagoou e as fixo se abrir de novo á luz. Pestanexar, motas de pó no cómputo global da historia.

Os cambios camiñan a modo, pasos  curtos ás veces para percorridos longos. O camiño dentro do sistema político non chegou todo o rápido que quixemos, pero non esmorece, mantense firme porque chegou para ficar, para evoluir, para transformar(se). Seguimos a tomar namentres tantoutros camiños precisos, ningún excluínte, ningún definitivo, todos abertos.

A intensidade deste (apenas) mes semella agora outro pestanexo, de calquera xeito xa fai moito que aprendín que, con esto do tempo, non é cuestión de cantidade senón de calidade (excepcións habelas hailas, claro) Estes día agólpanse agora na memoria recente, nas derradeiras follas da miña libreta, e dalgunhas das paroladas que tivemos en diversos lugares, quero lembrar un par de ideas resumidas en torno a En Marea e á miña actividade política:

Idea 1. Os sentimentos e sentidos. Agradecida pola experiencia, emocionada por ter compartido proxecto, coma persoa independente, con partidos aos que non pertenzo, cos que non comulgo individualmente ao 100%, aos que teño criticado e que seguirán a recibilas miñas críticas, pero sobre todo emocionada por telo feito con esas persoas que conforman os partidos, capaces da escoita activa, do debate e do consenso, de defendelas ideas propias e ser quen de transformalas en comúns (non creo que se poida traballar polo común, se non se é quen de facelo en común, alomenos cando así é preciso) E por riba de todo, conservo o sentir de responsabilidade que foi o poñer voz a tantas mans e corazóns que construíron desde o positivo, desde os sorrisos. Feliz porque fun outra gota de auga e, esto algunhas persoas xa mo escoitaron máis dunha vez, “me unín a centos, miles e millóns de outras gotas que saben que unidas podemos porque hai marea”. Feliz porque sei que, en todo caso, a auga evapórase para voltar a estado líquido e regalas hortas. E os procesos precisan de tempos lineais, pero son imparables. As sementes xa xermolaron, agora só precisan medrar.

Idea 2. As rúas son nosas, da cidadanía, da veciñanza libre e formada, diversa e orgullosa. Das asembleas abertas, plataformas e mareas de tódalas cores, dos grupos de consumo, pah´s, bancas éticas, ateneos, asociacións… dámoslles mil voltas ás institución que non nos representan, mesmo creamos campamentos para as persoas refuxiadas vista a inutilidade destas. Somos a evolución precisa, temos a obriga e o deber, o dereito por moito que nolo queran recortar, de ficar no traballo por nós mesmas (que somos todas, na nosa diversidade). Governe quen governe, a democracia real, o poder popular real, ten a obriga de escoitar aos colectivos sociais, de defendelos na súa liberdade e independencia (mágoa que non o vaia facer quen abra as institucións á escoita activa e os que nos “toquen” de novo sexan entes xordos e cegos perante a realidade da maioría social) Lembremos logo que o noso voto o exercemos tamén cada día, como consumidoras, como veciñas preocupadas pola nosa contorna, cidadás activas, persoas conscientes de si e das demais, da casa propia e do mundo que compartimos. Cando mercamos votamos, eu quero seguir votando local, (ec)olóxico, ético, respectuoso, evolutivo.

E así, tecendo lembranzas xa pasadas que influirán en cada presente e futuro, veñen imaxes á cabeza, voume quedar cunha, por alixeirar.

26X.jpg

E escollo esta porque a feminización e feministización da política é parte desa evolución precisa da que falaba, quedo con este cartel do acto que compartín en Compostela con algunhas outras compañeiras candidatas de En Marea, cun programa feminista que seguiremos a defender e mellorar, desde tódolos ámbitos que cada unha de nós traballe.




2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos